Friday 17 de May de 2024

Noia homenaxea a Felipe Paz Carbajal co gallo do centenario do seu pasamento


As actividades comezaron cunha ofrenda floral no cemiterio de Santa María A Nova e culminarán esta noite cunha conferencia do seu neto, Sebastián Paz, sobre a traxectoria do compositor noiés

Máis de medio cento de persoas acudiron esta mañá ao cemiterio de Santa María A Nova para participaren na homenaxe a Felipe Paz Carbajal, organizada polo Concello de Noia co gallo do cumprimento hoxe do centenario do pasamento do compositor noiés. Unha ofrenda floral sobre a tumba na que repousan os seus restos que contou coa participación de numerosos familiares de Felipe Paz Carbajal, que estiveron acompañados por gran parte da corporación municipal así como de veciños e veciñas da vila.

Sebastián Paz Suárez, neto do homenaxeado, destacou que Felipe Paz Carbajal “foi un dos máis grandes e inspirados compositores do século XIX galego” e mesmo mandoulle unha mensaxe: “avó, onde queira que esteas sempre oirás as túas fermosas composicións, que nós seguiremos tocando e cantando, porque Noia nunca te esquecerá e sempre agradecerá o labor que desenrolaches neste pobo, a quen lle deches tanto prestixio a través da túa música”.

Semana musical

Pola súa banda, o alcalde de Noia, Santiago Freire, agradeceu a asistencia da familia de Paz Carbajal: “saga familiar de músicos que evidencian que Noia é unha vila con capacidade creativa en moitos eidos, ademais do musical”. Freire Abeijón manifestou que “sentímonos moi honrados de poder conmemorar hoxe ese centenario do pasamento dunha figura ilustre, dunha figura importante da nosa localidade a quen queremos agradecer o traballo feito por Paz Carbajal e a súa familia, que lle deu continuidade”.

Así mesmo, lembrou que “a Semana Musical de Noia vai dedicar unha parte a este compositor” e que terá lugar do 22 ao 25 de novembro. Organizado pola Coral Polifónica de Noia, en colaboración co Concello de Noia e a Agrupación folclórica Os Salgueiriños, ofrecerá catro actuacións musicais no Coliseo Noela, ás 20:30 o xoves 22 e venres 23 de novembro, e ás 20:00 horas o sábado 24 e o domingo 25.

Os actos abriranse o xoves 22, ás 19:30 horas, cunha misa cantada pola Coral Polifónica de Noia na Igrexa de San Martiño, co gallo da Festividade de Santa Cecía. Despois, o Coliseo Noela acollerá un concerto a cargo do grupo vocal e instrumental Atlántico e da Banda de Música Municipal de Noia. O venres será a quenda da Coral Polifónica de Noia, así como da orquestra, banda e coro do Conservatorio Municipal de Música Felipe Paz Carbajal.

Na fin de semana, o sábado 24 haberá tempo para a música coral cun concerto do coro de nenos e xóvenes do Concello de Noia e do coro de Voces Graves de Vigo. Pecharán os actos un concerto a cargo da soprano Esperanza Mara o domingo 25, quen estará acompañada polo pianista Juanma Varela e da Banda de Música Municipal de Lousame.

A música puxérona esta mañá Juanma Varela e Dalibor, do Conservatorio de Música de Noia, que precisamente leva o nome do compositor homenaxeado hoxe. Interpretaron tres temas de Felipe Paz Carbajal. Así mesmo, esta tarde o Coliseo Noela acollerá unha conferencia de Sebastián Paz Suárez sobre a vida e obra do compositor, un acto que rematará cun concerto a cargo do pianista Alejo Amoedo e do Coro do Instituto Virxe do Mar, que interpretarán temas de Felipe Paz Carbajal.

Ademais do alcalde noiés e do neto de Paz Carbajal, tamén asistiron á ofrenda floral unha ducia de familiares do compositor así como os concelleiros de Cultura, José Pérez; Servizos Sociais, Marisol Villar; Patrimonio, Julio Bustelo; Comercio, Mariola López; Relacións Veciñais, Ana García; e Ensino, Ángela Neri. Entre as persoas asistentes tamén estaba o ex alcalde Antonio Pérez Insua, e o voceiro do PSOE, Miguel Paz.